Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Noia entrega os diplomas da Escola de Pais e Nais


 

As persoas participantes salientaron a importancia deste programa, que recibiu moi boas valoracións

O Concello de Noia fixo onte entrega dos diplomas da Escola de Pais e Nais, un programa que contou cunha trintena de asistentes divididos en dous grupos. O alcalde, Santiago Freire Abeijón; a concelleira de Ensino, Ángela Neri, e a psicóloga que coordina esta iniciativa, Rocío García, foron os encargados de entregar os certificados a preto de vinte participantes, que se deron cita na Casa do Concello.

A Escola de Nais e Pais pecha unha nova edición cunhas valoracións máis que positivas. “As enquisas que pasamos ás persoas participantes amosan o alto nivel de satisfacción que teñen co programa”, asegurou Rocío García. Unha premisa que ratificaron os e as asistentes á entrega de diplomas.

“Estamos moi agradecidos por poder participar nesta experiencia, que resultou do máis gratificante”, asegurou un dos participantes. En xeral, valoraron moi positivamente a posibilidade de “coñecer ferramentas, sobre todo sobre autocontrol”, que lles permiten optimizar a comunicación cos seus fillos e coas súas fillas.

Pola súa banda, tanto Freire como Neri puxeron en valor a utilidade deste programa, xa que “contribúe a que as familias poidan resolver as súas dúbidas. A Escola de Pais e Nais facilita a creación dun grupo no que compartir experiencias similares”.